Nosotros ya lo rehabilitamos, lo pusimos en valor y lo homenajeamos en 2011, en el mandato popular de Adolfo Canedo.-
Varios colectivos e institucións da comarca traballan xa na organización de actos de homenaxea ao autor dos Ensayos poéticos en dialecto berciano, despois de que fracasara a petición para que a Real Academia Galega (RAG) lle dedicara O Día das Letras Galegas 2017.
Ainda así, o bicentenario do nacemento de Antonio Fernández Morales (1817-1896) ofrece unha oportunidade innegable para promover e investigar sobre a súa figura, non o suficientemente divulgada e/ou coñecida, destacando o aporte lexicográfico que a súa obra conten.
Fernández Morales —poeta, militar de ideoloxía liberal, gran humanista e preocupado pola lingua galega do Bierzo— residiu boa parte da súa vida, desde unha idade moi temperá, en Cacabelos, e foi na vila onde aprendeu a lingua dos veciños e veciñas, a lingua galega. Foron moitos os lugares nos que residiu o escritor, mais nunca esqueceu a súa terra berciana. Os seus restos repousan no cemiterio da Edrada, en Cacabelos, onde foi soterrado o día 16 de agosto do ano 1896.
O vilafranquino Héctor M. Silveiro Fernández, académico correspondente da Real Academia Galega, pensa que O Bierzo lle debe a Morales “un recoñocemento similar” ao que se lle fixo a Enrique Gil y Carrasco. “Ata o de agora, o autor dos Ensayos poéticos en dialecto berciano (1861) viviu no avesedo, como á sombra da figura do gran autor da violeta e da gota de rocío. Fagamos que sexa tamén coñecido, recitado e cantado polos bercianos”, escribiu nun artigo publicado en xullo do ano pasado por BierzoDiario.
“Abordar de forma integral a personalidade literaria do Bierzo debería ser esoutro obxectivo deste Bicentenario a realizar no 2017 e debería ser desta volta Cacabelos o espazo que nos acolla, máis cedo que tarde, nunha primeira iniciativa para reunir ás persoas e entidades interesadas en poñer a andar o Bicentenario de Antonio Fernández Morales”, escribiu daquela Silveiro.